martes, 6 de marzo de 2018

Festividades e ritos ancestrais no Condado-Paradanta e Baixo Miño

PUBLICADO PARA COMARCAS NA REDE o 2 de marzo do 2018

Nosa terra no sur oeste galaico, inda e moi rica en canto a festividades e ritos que hoxe pasaron a romarías ou peregrinacións, cunha transformación destas polo cristianismo pero que inda conservan na súa base unha forte pisada tradicional ou pagán. Isto nos leva a que súa orixe sexa moi anterior a propia chegada da fe cristián, facendo delas unha conexión cultural milenaria cos nosos antepasados galaicos, con súas crenzas, celebracións e ritos.
Tan forte e seu arraigo, que en tempos da cristianización non se puideron prohibir, como noutros lugares, polo que realmente o que fixeron foi manipulalas ou mudalas, convertendo unha divindade celta nunha romaría a un santo, unha moura a unha virxe, ou un simple rito a un santuario. Inda conservamos muitísimas, case unha por parroquia, e outras xa desapareceron, aquí imos recompilar cinco importantes que inda conservamos e teñen grande devoción, e intentar coñecer seu posible orixe.
Comezaremos tal vez pola máis famosa, a peregrinación a Nosa Señora da Franqueira, no concello da Cañiza. Primeiro dicir que a peregrinación de parroquias ou comunidades a un monte emblemático, onde existe unha grande divindade, nos recorda os tempos dos castros galaicos onde os santuarios era a propia natureza, cando en determinadas épocas do ano peregrinaban xuntos a un monte sagrado nunha grande xuntanza, facendo rituais a unha divindade que os unía, esa non e unha das finalidades da Franqueira? Engadir resumindo outros datos importantes que nos levan esta romaría a tempos moi antigos, a día de hoxe inda e “a Señora”, non virxe nin santa, nome polo que en muitos lugares se coñecen as famosas “mouras”, vestida en branco e subida a un carro tirado por bois. O lugar da aparición tamén nos di cousas, nun cumio pedroso a 926 metros de altitude, chamado “Coto da Vella”, a vella, nome co que se coñecen tamén mouras ou antigas divindades femininas, como a propia nai Terra, e que millor que nun cumio tan espectacular como ese. A día de hoxe se peregrina a Franqueira nas Pascuillas e a principios de setembro.
Sen saír do mundo da peregrinación a Franqueira, nos atopamos con outro punto de encontro entre fieis de diferentes rutas moi peculiar, O Carballo da Armada, en Mondariz. Dicir que o normal sería que nun lugar de cruce de camiños, existise un cruceiro, pero como isto e muito máis ancestral non e o caso, senón que aparece un “carballo sagrado” de grande tamaño. Para os celtas, o carballo era unha árbore sagrada dos druídas, e iso nos conta a lenda do lugar, que foi plantado por “un druída chamado Lambrico, fillo de Mondrico”, recordades a Mondrico? fundador de Mondariz do que xa escribimos del.
Agora seguindo o curso do sagrado río Miño, chegamos o seu fin, onde se xunta cos mares, os pes doutro monte moi coñecido, no cal celebrase outra destas xuntanzas ancestrais entre comunidades, a Festa do Monte no Santa Tegra, na Guarda. Inda que a esta festa ou romaría se atribúe seu orixe a principios do século XX, cun carácter devoto o propio monte e en menor medida a capela cristián, imos pola en contexto histórico. A historia dese monte pola súa situación, e milenaria, dende petroglifos, posiblemente ritualísticos, a asentarse nel o maior castro en terra galega coñecido, con isto non e difícil pensar que en tempos remotos antepasados de tódolos seus redores acudiran a este monte en certas celebracións de seu calendario para facer seus ritos e xuntanza. A día de hoxe esta festividade se fai no mes de Agosto.
Outro monte famoso e de lenda, vixiador da ría de Vigo, conserva unha das máis antigas festividades o solsticio de verán e comezo deste ciclo, A festa dos Fachosno monte da Peneda, Redondela e Soutomaior. Tamén cun castro baixo del, e unha capela enriba, centos de romeiros celebran a chegada do verán co lume, lume que purificaba e daba pe a nova vida, e entre outras cousas, como nas fogueiras de San Xoán, espantan o meigallo e as malas forzas do inverno. Así nace este rito, onde os participantes, centos, prenden os fachos de palla, e suben en procesión a este monte nunha verdadeira fila de lume que se pode ver a quilómetros, unha vez arriba, prenden unha grande fogueira e invocan en ritual a antigas forzas e persoaxes históricos, polo tanto, este rito sigue case intacto a como sería fai 2000 anos. Pese non estar nas bisbarras sinaladas no titulo, esta festividade ben merece ser mencionada, celebrase polas datas do San Xoán.
Por último escribiremos sobre un dos ritos considerado dos máis estranos do mundo, A procesión de ataúdes de Santa Marta de Ribarteme, nas Neves. Recordar o forte arraigo histórico da nosa terra a cultura da morte, e máis, há quen se refire a nos como o pais da morte, unha proba, este peculiar rito onde os vivos se converten en mortos. Nela desfilan en procesión, o que recorda a propia Compaña e súa maldición, vivos en ataúdes os cale fixéranse devotos de Santa Marta e conseguiron vencer a morte, tal vez por unha enfermidade ou a de algún parente, e agora como voto, desfilan como mortos no seu propio enterro. A tradición nos di que Lázaro era irmá de Santa Marta, e este foi resucitado por Xesús, pero de novo se pómolo no noso contexto cultural, e a forte cultura da morte que temos, tamén podemos recordar en tempos célticos a aqueles guerreiros que se facían devotos de poderosos deuses da guerra, e se fracasaban, tiñan que entregar súa propia vida en ritual a estes deuses, polo que neste rito voltase mesturar o cristián co pagán. Celebrase o 29 de xullo.
Este foi só un pequeno resumo, deixamos atrás outras muitas similares como as celebradas en montes míticos como San Fins, Aloia, San Nomedio ou A Picaraña, e outras desaparecidas como a do Galleiro, que tristemente, xa son só recordo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario