sábado, 12 de septiembre de 2020

A ESTÁNTIGA OU ACOMPAÑMENTO NO CONDADO E PARADANTA. I Parte

Nome moi antigo para referirse a un ser do máis alá que ven buscar as almas dos mortos, tanto que a palabra pode vir do latín “hoste antiga”, e dicir, a procesión de ánimas que veñen a buscar o morto, da que deriva tamén a o nome “estadea”.

Noutros lares da terra galaica, tal vez a máis famosa e a compaña ou santa compaña, pero nas nosas terras conservamos inda “a estántiga” ou “acompañamento” para referirnos a eses seres do máis ala que veñen a Terra dos vivos a buscar as almas dos mortos.

Normalmente só a poden ver “vedoiros” ou persoas co don de ver ou sentir o que outros nin senten, pero a tradición tamén nos di que as veces sen querer, se estas persoas tocan os “normais”,  estes poden ver ou sentir igual que eles. Tamén engadir, que en certos casos, se unha persoa vai soa na noite ou no lusco e fusco, en corredoiras, carreiros ou camiños especiais ou quentes no mundo paranormal, si pódese chegar a ver estes seres, pois son como unha porta o seu mundo, e as veces de forma tan natural que case nin  o percibimos. Estas portas o outro mundo normalmente están en lugares onde há ríos ou lagoas, pois son portas o alén, o igual que a porta principal o outro mundo, onde cae o Sol sobre a mar.

A palabra estántiga, tamén se utiliza por ser do mesmo campo do “que non se pode ver” ou máis ala, como expresión para referirse por exemplo os pantasmas ou espíritos, por exemplo dunha casa enmeigada. Pero dicir que é un ser ben definido, que representa a morte mesma en busca das almas dos mortos. O caso máis mencionado, é o de ver luces, e entre elas andando, a alma do veciño que morrera en próximos días. Dicir que aquí existe a crenza de que a partir das 12 da noite, non se pode andar polo centro dos camiños, pois polo centro é por onde transita a estántiga, así que se debe andar polas beiras.

Existen lendas onde se te atopas coa estántiga ou molestas seu camiño e paso, esta te pode chegar a agredir ou golpear para que saias do seu paso. Deste modo nace outra mitoloxía paralela con este feito, con seres como o Avixón que che propón "ir polo airo ou ir pola Terra". Nesta primeira intodución da estántiga e acompañamento, vos vou deixar dúas lendas recollidas para o traballo que estou facendo, Encantamentos do Condado e Paradanta, onde podedes ver estes feitos que inda perviven, iso si, en risco de desaparecer, nas terras do Tea e montañas do Suído e Paradanta.

 A estántiga de Batalláns

Unha noite por un camiño un home atopouse coa estántiga, e esta preguntoulle se quería ir por arriba ou por abaixo, el contestou por arriba posto que así chegaria antes o seu destiño, entón esta levouno voando a ras das copas das árbores e deixouno colgado dun piñeiro.

Atopouno a mañá seguinte a irmá, colgado e espido, pois a roupa foralle quedando enganchada polas silveiras.

San Pedro de Batalláns, As Neves.

Contada por Marta Antonio Domínguez.

 A Santa Compaña ou Acompañamento en Santa Leocadia

Santa Leocadia foi un antigo mosteiro que temos datos del no século X, do cal a día de hoxe só quedan ruínas nun monte apartado entre a maleza na parroquia de Guillade.

En dita parroquia, contan que o acompañamento cando había defunto, subía dende a zona da igrexa por un vello camiño cara Guillade de Arriba, cara o Camiño Real, e dende alí baixaba por outro antigo camiño empedrado con marcas de carro nas pedras, cara as ruínas do antigo mosteiro.

Foi nese camiño, onde o avó de Damián Coto, que ó transitaba na noite cando era novo, viu vir unhas luces, as cales o acercarse viu que eran dunha procesión. Levaban un cirio grande adiante e outro detrás, e logo dous máis pequenos a cada lado.

O rapaz, o ver o que podía ser naquel lugar e na noite, asustouse e agochouse nunhas viñas, xa que seus postes tiñan forma de cruz. A procesión pasou, e o chegar os restos do mosteiro, detívose e o cirio de adiante apagouse.

O ver aquilo, fuxiu axiña do lugar. Nos días seguintes houbo defunto na parroquia, e el sempre dixo que en aquela procesión, vira o defunto así como as persoas que o acompañaron no enterro.

Dicir que este tipo de lendas, onde aparece un templo ou restos dunha edificación relixiosa e a compaña ou acompañamento, entran a nivel galego de mitoloxía da morte das coñecidas “misas de ánimas”, lendas e sucesos máis comúns da zona montañosa do oriente ourensán.

Ruínas de Santa Leocadea, Guillade (Ponteareas)

Contada po Damián  Coto.