martes, 9 de julio de 2019

MONTAÑAS GALAICAS, SUBIDA A PENA RUBIA (1822 m), O PEQUENO CERVINO GALEGO.


Desta vez fago o ascenso a un cumio moi simbólico na montaña galega, no último grande cumio da parte sur da Serra dos Ancares, o Pena Rubia. Seu abrupto cumio, se levanta de forma imperante sobre a serra cos seus 1822 metros, dando unha imaxe, iso si, en muito menor tamaño, que a muitos nos recorda o emblemático monte Cervino, nos Alpes.

Non e a primeira vez que volto o lugar, xa antes no inverno o intentara subir dúas veces só, pero ambas por diferentes factores (neve moi branda, néboas cerradas, sendeiros cerrados, falta de orientación a cumio...) tivera que deixalo. Desta vez, xa en verán, o volto a intentar pola mesma ruta elexida no inverno, dende a aldea de Deva, pasando polo refuxio de Brego e Golada de Valongo, unha ruta un pouco máis longa que a habitual empregada para este cumio, que anda nos 14 km, mentres que esta variante, anda nos 16 km.

As 10 da mañá arranco da pequena aldea de Deva, a terceira vez neste ano, polo que xa me é ben coñecida. Antes de coller o camiño o fondo desta, há unha cancela para o gando, a cal se pode abrir, pero recordar cerrala despois.

O camiño e amplo e cómodo, comeza a subir moderadamente cara a Campa de Brego sobre as fragas val do río homónimo. O outro lado do val, o alto podemos observar xa o cumio do Pena Rubía, con forma de corno monolítico, reinando sobre os montes do redor. No inverno polas néboas, non puidera ver esta estampa.
Despois duns 40 minutos no camiño, comezo a ver o fondo a verde Campa de Brego e seu refuxio, rodeade de altas montañas secundarias, impoñendose o Tres Bispos (1792 m). No lugar me atopo cun burro con montura, e gando vacún pastando, e o pouco aparece un veciño de Deva, Segundo de Deva. Temos unha pequena conversa moi amable e enriquecedora sobre o lugar, o cal borda de auga e verdor, que riqueza. Deixo atrás a Segundo e o val de Brego, e me introduzo nunha fraga pola cal se sube a Golada ou Collado de Valongo.

Fai un día soleado, a medida que collo altura comeza a soprar un vento fresco moi levadeiro, o que non me gosta son as nubes que comezan a vir dende o nordeste, pois neste día había ameaza de tormenta pola tarde.

Chego a Golada de Valongo,a 1609 metros, tras unha subida que se leva moi ben. Aquí se abre a paisaxe e xa se poden ver o outro lado, tras unha valla para o gando, os verdes vales do Bierzo. Dende este punto, tamén se ve grande parte dos cumios maiores dos Ancares, o primeiro e inminente, o Tres Bispos, como así o lonxe, outras serras do noroeste como os Aquilanos, A Lastra, O Teleno e mesmo Trevinca, e o norte, os primeiros cumios da Cordilleira Cantábrica máis occidental.

Agora toca subir o próximo Alto das Becerreiras (1699 m), no cal a paisaxe inda se abre máis sobre un chan de pastizal verde, onde pasta outro rabaño de vacas en altura. Dende este punto, temos unha primeira grande panorámica do Pena Rubía e seu pequeno macizo, así como case da totalidade da propia Serra dos Ancares. Tras o Pena Rubia, tamén comeza a verse as formas da fermosa Serra do Courel, así como o oeste o fin das verdes montañas e vales, o val do Miño e a chaira de Lugo.

Tal vez este tramos que me espera, sexa o máis complexo, non por dificultade técnica, senón porque practicamente non há sendeiro, pero aproveitando a boa visibilidade para orientarse, e que a vexetación, de carrascos na maioría, se atopa baixa (tamén inflúe que nesta época o gando esta na alta montaña), descendemos o Golada de Cardiadelos sen muitos problemas.

Aquí é onde se une este roteiro co que soe ser máis habitual, que sube directo dende a Campa de Brego, pero vendo o estado da ruta, acho ultimamente tampouco suben muitos montañeiros. Agora toca subir a última montaña antes da propia Pena Rubia, Penas de Verdía (1762 m), a cal no seu camiño antes ascendemos outros altos menores. Neste punto, fora onde dera a volta a última vez no inverno, posto que o sendeiro desaparecía por completo pola alta vexetación que chega a cintura, desta vez a situación é similar, pero o día despexado e boa visibilidade da propia Pena Rubia na fronte, a situación muda.

No alto das Penas de Vendía, temos tal vez as mellores vistas sobre a Serra dos Ancares desa zona, dende onde tamén vemos máis abaixo, cun chan moi verde pero seco, a Lagoa de Forrón. Comezan a aparecer algúns fitos para marcar o bo camiño, eu mesmo monto algún máis para orientarse, pois neste tramo a vexetación faise máis prado con pedregais, máis o estilo da Cordilleira Cantabria. Ate se queres como alternativa, se poden ir trepando de forma sinxela algúns riscos por fora do carreiro. Na pequena baixada antes de chegar a elevación de Pena Rubia, o este temos unha fermosa panorámica sobre o val berciano de Teixeira.
Neste momento teño ante min o pedregoso e impoñente cumio da Pena Rubia, o este, unha profunda caída libre duns 600 metros case inaccesible, polo que o camiño o alto faise virando a cara oeste, onde temos dúas opcións. A máis doada, seguir virando o oeste por onde se accede o cumio por un forte desnivel pero sen complicación, ou seguir a cresta de pedra sobre o vacío, máis exposta. Eu con espírito aventureiro collo esta última cunha subida máis alpina, non e difícil, pero compre ter muita precaución.
O fin de dita cresta, no seu punto máis alto, chegase o cumio da Pena Rubia, a 1822 metros, cumio moi pequeno sen punto xeodésico. Non se pode describir a ledicia e felicidade dun cando chega a un cumio, despois dun duro esforzo deportivo e adversidades que poden surxir na marcha, pero a sensación se contaxia coa beleza do entorno. Como se de unha advertencia para espertar e voltar a realidade do lugar inhóspito e salvaxe que nos atopamos, há unha placa de lembranza a un montañeiro caído neste monte, DEP.


Cunha ampla panorámica, vexo o lonxe, sobre un risco, cinco rebecos que me observan, mágoa non levar a cámara de vídeo comigo. Aquí vos deixo as fotos do cumio, para que vexades o esplendor de dita montaña.
Agora toca xantar e logo descender polo mesmo camiño, seguen entrando nubes dende o nordeste pero semella que non haberá tormenta, o día segue sendo caloroso pero con esa brisa tan agradable da montaña, polo que aproveitarei para desfrutar de vagar da paisaxe e entorno no descenso.

Chegado de novo a aldea de Deva, volto topar con Segundo, e temos outra pequena conversa, coa cal remata esta aventura. Que todos os días nos montes poidan ser como este, nos vemos nas montañas e nos sendeiros!

No hay comentarios:

Publicar un comentario