lunes, 22 de julio de 2019

Branco ou tinto? Viño ou aceite? Os lagares da antiga “Tabulela”, Taboexa (As Neves)


INTRODUCIÓN

Falar do Castro de Altamira, na parroquia de Taboexa (As Neves), o cal xa aparece no parrochiale suevo co nome de “Tabulela”, na diocese de Tui, e falar de covas e túneles, de mouras, do deus mercurio aparecido en forma de pequena estatua de bronce no lugar, de cerámica romana ben decorada, de petroglifos... É tan amplo o legado dese lugar protohistórico que agocha, que neste artigo simplemente falaremos dun dos seus enigmas que se plasma na rocha mai, seus curiosos lagares, os cales claramente semellan que foron utilizados para prensar algún tipo de froito. Neste artigo intentaremos saber por diferentes hipóteses de seu uso, así como intentar situalos no tempo, nun lugar cun amplo marco histórico.

Este emprazamento, se sitúa nas faldas do enigmático Monte San Mamede ou San Nomedio, o cal como xa temos escrito aquí, pola súa mitoloxía e folclore, a aparte de súa situación xeográfica e características, se relaciona co emblemático Monte Medulio.
Neses mesmos outeiros, nosos antepasados da Idade do Bronce (fai uns 4000/3000 anos) deixaron plasmados petroglifos, muitos aparecidos tras a vaga de lumes do 2017, a parte dun posible espazo no ritual (da fertilidade) no alto do monte do Mouro. Posteriormente, na idade do ferro, foi cando de seguro naceu o primeiro asentamento ou castro galaico no alto do Coto de Altamira, no cal tamén se poden ver petroglifos, que posiblemente pertenzan a etapa anterior.

Pero este poboado, tería seu grande esplendor en tempos posteriores a conquista romana, así o demostra súa grande riqueza en metalurxia e cerámica, que farían del un grande lugar comercial, pois recordar que o deus mercurio era protector dos camiños entre outras cousas, camiños e vías que deberían percorrer os antigos habitantes de “Tabulela” para levar súas mercadorías.
Sabemos que tras a caída de Roma e chegada dos Suevos, tivo que seguir desenrolando unha importante función, pois o aparecer no parrochiale Suevo entre as 17 parroquias que compuñan a diocese de Tui, isto nos mostra que de seguro puidera controlar os pasos e comercio na zona da Paradanta cara o Miño e Tea.

Posteriormente perdese parte da pista da parroquia durante o medievo, a poboación baixou dos coutos cara zonas máis fértiles, sufrindo o lugar unha forte cristianización, como mostra a propia capela de no propio castro abdicada a San Bartolomé, santo o cal tiña saneamentos cara o misticismo e máis alá, cousa que no lugar inda se nota vibrar coas súas lendas de túneles e mouros. 

OS LAGARES DE TABOEXA
Como expoñemos antes, o lugar conta cunha amplísima e rica historia, polo que aquí simplemente trataremos o posible orixe e función dos lagares.

Estes sitúanse nun alto entre o castro e o coto do Mouro, todo a moi pouca distanza entre si. Atópanse tallados sobre a propia pedra nai granítica, en forma case perfecta de lagar de prensa, os cales aproveitan un pequeno desnivel das pedras bases para rematar nos desaugues en dúas pías, unha para cada lagar.

A maior, que debe ter un diámetro de entorno 1,20 m, ten un desaugue maior, pero que remata nunha pía máis pequena cavada na mesma laxe. O outro lagar, de menor tamaño, entorno uns 90 cm, mostra claramente as marcas de cantería no interior, de como foi tallándose para rebaixar a pedra. Este remata nunha pía maior con máis caída, pero sobre outra laxe inferior pegada.
Cara o poñente, noutra pedra que se alza máis elevada e moi danada pola cantaría tradicional, podemos ver na súa superficie o que semellan un pequeno conxunto de petroglifos, onde se ve un ancho pero curto canle rematado nunha coviña, o que fai semellanza cun falo. Dirección o levante a poucos centímetros se pode ver outra coviña, así como a máis distanza, cara o poñente, de novo outra, ambas moi ben marcadas.

Descoñecemos se estes petroglifos son contemporáneos os lagares, ou posiblemente anteriores como os do seu entorno. Tamén súa función, inda que no lugar nos chega folclore e lendas de fertilidade sobre eses lagares, como ben nos informa e ten recollido o compañeiro Arístides Carrera, tendo súa lóxica pola forma de falo dos petroglifos descritos. Mesmo así, pensamos que tal vez eses ritos e folclore teñan máis que ver co inmediato e posible antigo santuario do Coto do Mouro, e chegaran a día de hoxe de forma deslocalizada. No futuro escribiremos sobre ese emprazamento. 
No lugar tamén se atopa tallada de forma muito máis tosca e posterior unha cruz, posiblemente coa función de cristianizar, pois non nos atopamos nunha zona de lindes.

QUE FUNCIÓN PUIDERON TER, VIÑO OU ACEITE?

Non é doado facer unha hipótese sobre súa función, pero comecemos co viño. O Val do Condado e do Tea, chega a día de hoxe nosa tradición vitícola, pois de sobra son coñecidos nosos viños do Condado.

Non se trata este dun caso illado, pois lagares rupestres destas características aparecen tamén noutros lugares da terra galega con tradición e riqueza en produción do viño, como en Monterrei ou no Ribeiro, vinculados o período romano. Isto o teñen ben investigado Luís Paadin e seu fillo Alejandro, os cales son autores do libro “Las Piedras que hacían vino”. Nas súas investigacións mencionan tamén posibles lagares en Valdeorras e na Ribeira Sacra, os cales algúns poden ir mesmo a Idade de Bronce.
Vendo estes estudos e hipóteses, como mencionabamos antes, coa nosa tradición vitícola no Condado, poderíase encaixar non só estes dous lagares de Taboexa, senón tamén o de Guillade (Ponteareas) no lugar da Encostada.

Este último, se atopa tamén nas cercanias dun castro, o Castromao, e a pouca distanza, tamén están os restos do mosteiro alto medieval de Santa Leocadea. Algúns cremos que Guillade pode vir de Villade, e dicir, que antes do mosteiro existise unha vila romana. Como vemos a situación e características son moi similares as de Taboaexa.
Largar da Encostada, Guillade

De ser de viño ambos lagares, súa función sería moi similar a forma tradicional de prensar, tradición que se perdería no pasado nas terras do Condado como noutras partes da Galiza.

Pola contra temos outra hipóteses forte, pois non é moi coñecido, pero tamén o Condado ten pasado reacionado coas oliveiras. E sabido que o sur das Rías Baixas, ate o tempo dos reis católicos que as mandaron cortar por comerciar con elas cos ingleses (inimigos dos reis católicos), florecían as oliveiras, tanto que inda existe o dito de que na cidade de Vigo, atopabase o maior bosque de oliveiras da península.
No que afecta as terras do Condado, recordar que temos recollido na Idade Media o toponimo da parroquia de Ulveira, a cal non sería pequena, pois despois dividiuse en catro parroquias.

Esas catro parroquias son San Lourenzo de Oliveira, Santiago de Oliveira, San Mateo de Oliveira e a desaparecida Santa Cruza de Oliveira, estando as tres primeiras no concello de Ponteareas e a última en Salvaterra de Miño. Estas terras de “Oliveira” atópanse moi preto das de Taboexa, e claramente seu nome deriva de ter abundancia de oliveiras, polo que tampouco sería de estrañar que tanto estes lagares como o de Guillade, puideran ter un uso para facer aceite, tan codiciado en tempos antigos como o viño.

Por último, tampouco se pode descartar que foran utilizados para o uso de macerar sidra, pero esta posibilidade semella ter menos peso, por ter menos tradición na zona que nos situamos, onde xa en tempos medievais bebíase viño de forma habitual, o contrario que no norte da terra galaica, que polo seu clima a propia igrexa elaboraba máis sidra.


POSIBLE CRONOLOXÍA

Non é doado con todo o exposto, e o amplo marco temporal do lugar situalos sequera nun período. Pola contra, no de Guillade, pese pensar que pertencería o mosteiro alto medieval de Santa Leocadea, os arqueólogos que fixeron a ficha de patrimonio, levaron a sorpresa que no interior do lagar había cerámica galaica, e dicir, do tempo do castro.

Tal vez os propios habitantes dos castros de Altamira e Castromao foran os autores dos lagares, tal vez e moi probable en tempos xa romanizados, e dicir baixo a influenza e control de Roma.

A outra hipótese, sumar un par de séculos e irnos os tempos suevos de Tabulela ou Santa Leocadea, cando menos entre os séculos VI e IX da nosa era, sendo desta vez explotados as ordes da igrexa cristián posiblemente. Estas son as dúas hipóteses que nos semellan persoalmente máis probables, sendo tan respectables e importantes unha como a outra. 

 Por último agradecer a colaboración e axuda nesta visita e estudo os compañeiros Arístides Carrera e Sebastián Merino, os cales a parte de veciños, comparten a mesma sensibilidade, gañas de coñecer e por en valor o noso patrimonio, grazas os dous. 



No hay comentarios:

Publicar un comentario