miércoles, 12 de febrero de 2020

As Perriñas, os Mudados, os Farrapeiros, Mascaritas, as Pesetiñas, os Maruxos... o antigo Entroido do Condado.


Non fai tantas décadas noso entroido no rural do Condado, seguía sendo tradicional e totalmente vinculado o resto de entroidos tradicionais do noroeste.

Perriñas e Mudados recuperados en Ribadetea.

Os últimos en seguir a tradición de ir polas casas, coa identidade “mudada” pedindo cartos ou ovos, foron os nenos, os cales ate fai ben pouco inda se podía ver grupiños deles polas parroquias do Tea.

Segundo a zona, os “mudados” ou “mascarados” cambiaban de nome ou forma de denominase, temos así na zona norte do concello de Ponteareas, nas parroquias de Ribadetea, Padróns, Fozara, Pías e Prado, as Perriñas ou Mudados, en Areas as Mascaritas, en Xinzo os Farrapeiros (de farrapos), na zona de Oliveira as Pesetiñas, no sur de Salvaterra os Maruxos... e ate en Mós, o outro lado da Serra do Galleiro, coa mesma indumentaria e rito, os Currumiños.

A indumentaria destas mascaradas, era a mesma, como en grande parte da Terra galega, vestirse con roupas vellas, tapar o rostro co “trapo” ou careta, sombreiro ou pano vello na cabeza, e pau e vimbio. Desta maneira cada individuo ía de forma estética similar os outros, pero diferentes entre si. Tamén había tradición, dende a zona da ría de Vigo, subindo o Miño dende a desembocadura ate o Ribeiro cando menos, de levar no medio uns “casamenteiros” ou parexa nupcial.

O rito consistía en ir polas casas, pedindo “as perriñas” ou “pesetiñas”, sen descubrir a identidade, inda que na época do franquismo, tamén se daba “ovos” para despois facer unha tortilla entre a irmandade de mascarados. Se a casa daba ese aguinaldo, normalmente se descubría a identidade, se non daba, non, similar a un truco trato.

En caso de que quixeran destapar a identidade sen dar nada, se daba co vimbio, e como dicían aquí os vellos, “daban duro”. Este era o rito sobre todo dos nenos e mozos, pero, os máis maiorciñ@s e adultos, o parecer campaban polas parroquias facendo falcatruadas e chamando a atención, aproveitando súa identidade agochada e que ese día estaban perdoados.
Fotos dos anos 30 ou 40, nun entroido no Teleclub da parroquia de Pías, onde se pode apreciar a perfección a vestimenta tradicional. Fotos de Felix Gonzalez Lorenzo.

As Perriñas e Mudados


Comezar por dicir, que as Perriñas ou “ir as Perriñas” era máis ben a acción de saír buscando o aguinaldo chamando perriña, que ben do diminutivo da moeda “perra”, que eran os 10 céntimos da antiga peseta e saíron en circulación no 1870, o que da orixe a este nome, pero ben seguro que a tradición era anterior. Pero os individuos que se disfrazaban para ir a elas, eran máis coñecidos como os “Mudados”, que ben dos que “mudan súa identidade”. Isto cando menos na parroquia de Ribadetea e redores.

A descripción dos traxes mudados para ir as perriñas era o seguinte.

Trapo ou careta, en tempos antigos, era moi difícil conseguir ou facer unha careta ou máscara, polo que o máis típico era usar o trapo, que consistía en cortar a forma dos ollos e boca nun trapo, logo algúns o pintaban e outros non. Os máis enxeñosos, facían máscara, maioritariamente con elementos naturais como madeira e ósos de animais.


Sombreiro e pano, era o que normalmente levábase sobre a cabeza, tanto o típico sombreiro de palla como o pano colorido “das vellas”.

Roupa vella e guantes, como mencionamos antes, vestíase roupa vella e ate remendada, así en Xinzo chamábanlle “farrapeiros”, pois muitas veces eran farrapos remendados. Polo normal esta roupa vella pedíase a familiares secundarios ou mesmo veciños, para que fose máis difícil saber a identidade de quen a levaba.  Era tamén tradición que os homes foran de mulleres e viceversa. Nas mans polo normal, se levaba luvas ou similares.

Pau e Vimbio, ambas non podían faltar, o pau máis ben era para intimidar, ou mesmo polos vellos camiños ou entrar nas casas defenderse dos cans. En canto o vimbio das vimbieiras, tan usados inda a día de hoxe para atar as viñas, pola nosa tradición vinícola no Condado e moi abundante, era o perfecto “látego” natural.  

Outras características, unha das cousas máis fermosas que nos quedou do substrato das Perriñas ou Mudados, foi a forma de expresión oral para pedir o aguinaldo, que consiste en berrar “perriiiña” pero cunha voz efeminada e sarcástica, coa función de que non descubrisen quen eras pola voz.
Outra xa a mencionamos arriba, a característica de levar uns casamenteiros no grupo, normalmente atribuído a mozos e mozas que querían xuntarse. Temos algún dato máis desta curiosidade na desaparecida Corrida do Galo de Toutón (Mondariz), onde se elexía un mozo e moza, o cal se chamaban “o rei e raíña”, facéndose procesión simulando unha voda. As Corridada do Galo tamén facíanse no ciclo de entroido en muitas parroquias do Condado.
Perriñas e Mudados de Ribadetea convidados o Entroido do Ribairao (Chantada)

Na parroquia de Ribadetea, a AA.VV de veciños e colaboradores, levamos dous anos recuperando esta fermosa tradición tan nosa, noso Entroido popular e rural. Este ano a grande saída será o domingo de entroido, o 23 de febreiro, dende o centro cultural, para de novo percorrer os camiños e corredoiras parroquiais o berro de “periiiña”.


Animamos tamén e colaboramos, para que outras parroquias veciñas recuperen seu Entroido tradicional xemelgo do noso (millor dito o mesmo), rompendo así coa marxinación do folclore e cultura de noso rural.

Por último, agradecer dende aquí a colaboración doutros entroidos da Terra para a posta en valor do noso, como os amigos do Ribeirao (Santiago de Arriba, Chantada), os Peliqueiros e Parrafóns de Campobecerros (Castrelo do Val) ou os Troteiros de Bande.

martes, 17 de diciembre de 2019

CALENDARIO DOS RANCHOS DE REIS NO CONDADO


O sol morre no solsticio de inverno para voltar nacer, coller forza e facer crecer os días. No noso calendario actual isto é entre o 21 e o 23 de decembro, polo que comeza o ciclo invernal e súas festas e rituais solares, danzas e mascaradas, máis coñecidas como festas de Entroido.

Na nosa terra do Condado, gardamos un importantísimo e riquísimo legado, pouco coñecido e valorado, pero totalmente relacionado con estas festas e ritos. Pero non só O Condado e terra de Ranchos de Reis, tamén existen noutros muitos lugares do noroeste e Europa nas mesmas datas de inverno, pero aquí vos imos mostrar as datas nas que actúan os sete ranchos que actualmente inda tocan e bailan na bisbarra, inda que no pasado chegou a haber ate varios por parroquia.

Este é o preludio e anticipo dun traballo máis amplo que estamos desenrolando e facendo dende a Asociación Patrimonial e Cultural Val do Tea, esperemos que sexan muitos os visitantes que veñan e coñezan estas antigas danzas e tradición.

DECEMBRO


DÍA

22 - PONTEAREAS, II FESTIVAL DANZA DE REIS INTERNACIONAL(AS 17:00)
     RANCHO DE OLIVEIRA
     RANCHO DE FOZARA
     RANCHO DE GULANS
     RANCHO DE RÍO FRÍO
     GF BARCELINHOS (PORTUGAL)
29 - RIBADETEA (PONTEAREAS), DESPOIS DA MISA (13:00)
     RANCHO DE FOZARA
Foto do Rancho de Reis o 5 de xaneiro do ano 1926.

    - SALCEDA, XUNTANZA DE RANCHOS DE REIS
     RANCHO DE REIS SANTA MARÍA DE SALCEDA
    RANCHO DE REIS DE GULÁNS
Rancho de Reis de Santa María de Salceda


XANEIRO
  
DÍA

5 - PONTEAREAS, DESFILE CABALGATA DE REIS
     RANCHO DE FOZARA
     RANCHO DE OLIVEIRA
     RANCHO DE GULÁNS
Rancho de Reis de Fozara


   -  MONDARIZ, DESFILE CABALGATA DE REIS
    RANCHO DE RÍO FRÍO
Rancho de Río Frío

     LOURIDO (SALVATERRA)
     RANCHO DE REIS DE LOURIDO

     FORNELOS DA RIBEIRA (SALVATERRA)
    RANCHO DE REIS DE LOURIDO
    
     VILACOBA (SALVATERRA)
     RANCHO DE REIS DE LOURIDO

    MOREIRA (PONTEAREAS)

    RANCHO DE REIS DE LOURIDO

6 -  REDONDELA, POLA MAÑÁ, RANCHO DE CORTELLAS
       GULÁNS (PONTEAREAS), RANCHO DE GULÁNS
       CORTELLAS (PONTEAREAS), RANCHO DAS CORTELLAS
       FOZARA (PONTEAREAS), RANCHO DE FOZARA
      OLIVEIRA (PONTEAREAS) RANCHO DE OLIVEIRA
      RÍO FRÍO (MONDARIZ), RANCHO DE RÍO FRIO
      LIRA (SALVATERRA), RANCHO DE LIRA
Rancho das Cortellas

7 - GULÁNS (PONTEAREAS), SAN JUALIÁN, RANCHO DE GULÁNS
Rancho de Reis de Guláns

viernes, 13 de diciembre de 2019

Toponimia e micro-toponimia do Castro da Croa

Toponimia e micro-toponimia do Condado

Nova sección do blogue dedicado a toponimia ou nomes do lugar tanto maior, como nomes de parroquias ou barrios como menor, como poden ser zonas de cultivo, lindes ou sitios concretos.
Recordar que a toponimia e unha gran pista para procurar patrimonio ou mesmo a historia dun lugar.

Comezamos esta sección co lugar da Croa, no barrio da Barxela na Parroquia de Ribadetea (Ponteareas), onde a partir da nome do Castro que ali existiu sairon o seu redor outros pequenos nomes de lugar ou topónimos.

                                                              RIBADETEA
TOPONIMIA MAIOR                         A BARXELA
                                                              A CROA OU MONTES DA CROA

                                                              GELAS
                                                              MUÍÑO DO RÍO
                                                              POZO OU REMUÍÑO
                                                                   DOS MOUROS
                                                              COROA, COUTO OU
TOPONIMIA MENOR                          CASTRO DA CROA
                                                              RÍO DA CROA
                                                              ILLA DA CROA
                                                              OS PASOS
                                                              MUÍÑOS DA CROA
                                                              CADAVÁS DE ARRIBA
                                                              CAMPO DA BARXELA

O lugar da Croa se atopa no extenso barrio da Barxela na parroquia de Ribadetea. Esta na ribeira do Río Tea e naceu de seguro grazas a mineiría romana, tendo restos dunha mina romana da cal non se conserva topónimo coñecido e un castro vinculada a esta, o castro da Croa.

TOPONIMIA MAIOR

RIBADETEA: Vén de "Ribeira do Tea" de forma abreviada, pois esta parroquia extendese pola marxe do río Tea.

A BARXELA: Nome que vén de Barcia ou Barciela, que son zonas cultivables preto do río. Neste caso o topónimo coincide co lugar perfectamente, á parte A Barxela e o barrio máis extenso e chan de Ribadetea. 

MONTES DA CROA: A Croa e un topónimo céltico que significa "acrópole" ou zona elevada fortificada, neste caso en referencia o asentamento castrexo que temos no lugar. O de montes vén en referencia os montes que rodean este xacemento antigo.

TOPONIMIA MENOR

COROA, COUTO OU CASTRO DA CROA: Os tres nomes refirense o mesmo lugar, os restos do asentamento castrexo da Croa. Esta elevación artificial sobre o terreo en forma defensiva atopase a 40 m sobre o nivel do mar, baixo ela esconde un castro aterrado. Destaca o topónimo "Coroa", pois ten unha planta característica dos asentamentos mineiros onde destaca súa abrupta estructura e alteracións de defensa, estando na parte central a elevación onde viviría a poboación do asentamento, a cal o redor desta meseta circular existiría unha muralla da cal há algúns restos que faría forma de "coroa" a esta parte alta.
Alteracións no terreo en forma de parapetos e elevacións no Castro da Croa.

GELAS: Difícil topónimo, pode ter orixe céltico ou xermano pola raíz GE. E moi probable que pola preto que se atopa o castro da Croa que tamén teña de raíz céltica. Na outra beira do río, na parroquia de Prado se chama "Portagelas".
Entorno da zona de Gelas

O MUÍÑO DO RÍO: Tamén coñecido como "muíño de Gelas" por atoparse nese lugar. O topónimo ben claramente do muíño que atopase a día de hoxe en ruinas na beira do río Tea. Dicir por curiosidade que este muíño tiña cinco moas na mesma estrutura. 

POZO OU REMUÍÑO DOS MOUROS: Curioso lugar no río alterado artificialmente que parece ser que foi no seu tempo o embarcadeiro do castro. Ten forma de pequeno "golfo" no río, polo que coa presión da corrente o caude entra neste e xira facendo un remuíño, súas augas no centro son moi escuras, como ben nos dín os dous topónimos. Conserva lendas dos "mouros" e esta o pe do castro.

RÍO DA CROA: Lugar onde se atopa a praia fluvial da Croa no Tea.

ILLA DA CROA: Illa situada na praia fluvial da Croa no Tea.

MUÍÑOS DA CROA: Sen saír da mesma zona do Río da Croa, atopanse as ruinas dos muíños que alí había.
Ruinas dos muíños da Croa

OS PASOS: Pasos ou poldras antigas que cruzan o Tea e unen a parroquia de Ribadetea coa de Prado. Tratase de pedras chantadas no río nunha zona moi pouco funda.

CADAVÁS DE ARRIBA: (Tamén existe Cadavás de Abaixo) este nome ben de cadavo, que son terras queimadas para o terreo.

CAMPO DA BARXELA: Lugar onde se atopa o campo de fútbol de Ribadetea. Unha curiosidade e que este foi feito sobre o que parece ser a "zona de explotación" ou "embalsamento" do que foron as minas romanas da Croa. E un terreo moi barroso con pouca drenaxe e chea de seixos ou croios de río.

PUBLICADO O MERCORES 21 DE OUTUBRO DO 2015
EN PONTEAREAS HISTORIA VIVA
http://ponteareashistoriaviva.blogspot.com/search/label/Toponimia%20e%20micro-toponimia%20do%20Condado

Ruta patrimonial por Xinzo o domingo 15



Teatro de nadal no centro cultral de Ribadetea